O OFICIO DE CEREIRO
Ligazón a Galería de Fotos
Historia das Candelas
Non fai moito esta profesión era habitual en tódolos lugares. Os cirios alumeaban nas casas e nas igrexas antes de que se inventase a electricidade.
En terras do sur lugués, o derradeiro cereiro que se recorda tiña a cerería en Noceda. O seu nome era “Manuel Gutiérrez Rivas”. Había outros establecementos dedicados á fabricación e venda de candeas pola zona: un en Sarria e outro na Pobra do Brollón. Pertencían a dous curmáns seus.
A cera, o elemento imprescindible para os cirios que alumeaban os santos nas igrexas, acompañando aos mortos ou na casa. Antigamente era cara, non existía a parafina e a única maneira de facer os cirios era coa cera que producían as abellas nas súas colmeas. Unha vez castradas, e sacado o mel, os paneis vendíanse. Normalmente, aínda que estes artesáns podían ter colmeas propias para garantir un certo nivel de producción, tiñan que percorrer as aldeas cun chifre na boca como os paraugueiros para conseguir unha cantidade de cera extra. Parece ser que ás veces en vez de pagarlle con cartos o que facían era levala a cambio de sacarlle o mel.
Os panais eran levados a un lugar onde se lle sacaban as impurezas cocéndoos nunha caldeira de gran tamaño de cobre. Ao quentarse sacábase a cera e metíase na cuba do lagar para prensar e de aí ás formas. Unha vez feito iso, xa estaba lista para traballar. As formas máis pequenas que eran as que lles vendían aos zapateiros.
As mechas facíanse con algodón e chamábanse pabíos. Estes íanse bañando nun recipiente cheo de cera chamado noque que se mantiña en estado líquido porque o quentaban por debaixo. Bañábanse e deixábanse a arrefriar ata que collían a gordura desexada. Logo pasábanse polas talladeiras, unhas laminas de metal con buratos, para que tivesen a mesma feitura. Cunha coitela de madeira cortábanse quedando perfiladas.
Antigamente, cando morría alguén, había a tradición de facerlle un fachón da mesma medida que o finado á que se lle poñía lume logo do enterro e que permanecía ardendo na igrexa ata a súa total consumación.
Reservábase a cera pura para alumear o altar das igrexas e ademais tiña que ser branca.
En Calvos (Incio), na devesa do Rei rodeada dun gran muro de pedra, os homes que traían a branquear cera desde distintos lugares de Galicia ataban ás bestas. O branqueo era un proceso moi laborioso que se tiña que facer en época seca. Cun rodete e auga ían sacando lascas que logo se estenderían no lugar axeitado durante unha semana. Tódolos días pola mañá había que regala e darlle a volta. Así é como a cera se volvía branca.
O lagar da cera é moi semellante ao lagar do viño e do aceite. Nas imaxes podemos ver o que queda del e o impresionante pau de mirto torneado que o conforma.
Vídeo Antiga Cerería