O Oficio de Cesteiro
Algo de historia
Unha das profesións máis antigas da humanidade. Noutra época era imprescindible para almacenar, recoller e transportar os produtos que o campo producía.
O carácter manual deste oficio segue vixente. É unha das actividades que aínda hoxe non foi mecanizada.
Na actualidade, os materiais empregados para realizarse ampliáronse: plástico ou aleacións metálicas son a alternativa aos tradicionais de orixe vexetal tales como: madeiras, vimbios, xuncos, silvas ou papiros.
O trenzado galego de pezas tradicionais realizouse fundamentalmente con tiras anchas de distintas madeiras pero, sen dúbida, o máis utilizado era o castiñeiro. Usábase amplamente na confección dos cestos para as patacas e para a vendima.
En cada aldea había polo menos un cesteiro e ata había aldeas enteiras nas que a maioría dos habitantes se adicaban a este oficio. Confeccionaban e vendían nas feiras estes utensilios tan precisos antes da aparición dos plásticos. Con todo, o cesteiro non era un vendedor de feiras. O seu oficio e principal sustento realizábase nos domicilios que o solicitaban para a reparación de cestos rotos ou para a fabricación de novos, polo que un cesteiro sempre viaxaba acompañado da súa caixa de ferramentas.
Por extensión o seguinte exemplo poderíaselle aplicar ao resto da xeografía galega:
Conta Salvador Somoza da casa Xacobe de 90 anos, natural dunha aldea chamada Piño, que recorda polo menos a un cesteiro vir á súa casa a traballar. Aínda conta co burro que usaban para crear as tiras de madeira coas que logo tecerían os cestos.
Salvador si deu nomes. Baldomero e Luís en Forgas (A Pobra do Brollón),non se acordou do nome doutro que vivía en Chorente (Bóveda). Outro cesteiro que lembra é Luís o Portugués que vivía en Freituxe (Bóveda). Estaba casado cunha muller da casa dos Millán de Canedo. Salvador non ten conciencia de lembrar a ningún cesteiro en Canedo. Aínda que hai escritos que recollen a tradición cesteira deste pobo non se recorda a ningún nos últimos setenta e cinco anos. Díxome que a última vez que recorda vir a Luís foi antes de morrer Franco.
Preguntei a Marisa da casa Sono de 75 anos, tamén de Piño, e díxome que recordaba vir á súa casa a un cesteiro pero que facía tanto tempo que non sabe cando foi. Dime que o que lembra ela era de Fornelas (A Pobra do Brollón).
Como evoluciona:
É frecuente ver nas nosas aldeas semi-despoboadas casas derrubándose cos cestos dos nosos predecesores apolillados polo paso dos anos. Hai xente que restaurou algúns converténdoos en caixas para os xoguetes dos seus fillos, para a roupa ou simplemente para decoración.
Houbo durante estes últimos anos un resurximento e posta en valor desta arte ancestral por diferentes motivos: a contaminación dos novos embalaxes industriais, a implicación de persoas que non queren deixar morrer as súas tradicións e aquelas habilidades apresas xeneracionalmente ao longo de miles de anos.
No rural galego na última década realizáronse cursos de cestería nos diferentes concellos para non deixar de transmitir este antigo oficio do que antes se conseguía vivir.
Neste momento rexorde e empezan a consolidarse novos negocios neste sector.
Quero mencionar tamén a importancia de cestería da etnia xitana en Galicia, delimitando xeograficamente porque descoñezo como foi no resto do territorio que eles habitan por toda Europa e India.
Aquí era moi habitual que viñesen polas aldeas a pedir alimentos, patacas, galiñas vellas, touciños e a cambio daban unhas cestas típicas da súa confección. Hoxe en día pódense ver algunha destas pezas a vender nalgunhas das feiras de mes aínda habituais en todos os concellos galegos.