Compadres e Comadres

imprimir
Star inactiveStar inactiveStar inactiveStar inactiveStar inactive
 

Exposición Compadres e Comadres

Círculo Saviñao do 17 de xaneiro ao 14 de febreiro de 2016

Pérdese na memoria o tempo que fai desde que en Galicia hai xoves de compadres e de comadres.
"Fai tan só cincuenta anos as poboacións destas mesmas aldeas, que hoxe habitamos uns poucos, estaban dobremente poboadas. Os medios de transporte eran limitados e ir andando aos sitios era o acostumado.
O xoves de compadres, as mulleres solteiras, casadas, pequenas e anciás participaban no festexo. Xuntábanse e facían os seus compadres: normalmente unha camisa e un pantalón vello recheos de palla, con algún chapeu ou pano. O máis bonito era o elixido para subilo nun burro ben adornado coa súa autora presumindo de levar o primeiro a queimar, detrás o séquito co resto dos compadres e demáis mulleres.
Ao escurecer prendíaselles lume e os homes intentaban abortar a queima. O mesmo ocorría ao xoves seguinte, pero en caso inverso. Os homes facían as súas comadres e as mulleres o imposible por evitar a súa queima.
De domingo a martes de carnaval o acostumado era porse a máscara e irse cos amigos ao pobo veciño andando. As caralladas e o bo humor non faltaban durante o treito. Ao chegar, vacilaban coas xentes que abrían as súas portas cos brazos abertos, indagando en quen sería ese/a ou aquel/a individuo enmascarado."
Texto extraído do o meu artigo "O Carnaval en Galicia"
Este relato recollino das preguntas que lle fixen a varias veciñas. Eu non me acordo diso, o que quedou na memoria da miña nenez son outras cousas, e o que poida quedar na miña filla desta época algo ben distinto. Non sei se os meus netos se lembrarán da existencia deles pero para que sexa así, quero expoñelo e así colaborar no seu proseguir.

Entre os compadres e comadres populares, esta exposición recolle as diferentes representacións que das tradicións das aldeas galegas se foron facendo nos últimos anos. Así, o pan, a matanza, a poda, o proceso do viño, a caza das "papuxas", as tecedoras, a feira e os mercadillos, o lavado da roupa a man nas lagoas , os zapateiros, as tendas das aldeas.  Logo tamén hai retratos feitos con papeis de cores típicas tamén de aquí dos colexios do rural , ademais atopamos compadres e comadres críticas da sociedade coas caretas de famosos ou veciños.

Facer esta exposición é moi importante para min por moitos motivos. Primeiramente, dá testemuña da existencia desta tradición abocada á súa desaparición debido ao despoboamento e envellecemento da sociedade do rural galego, a menos que insospeitados cambios se produzan nos vindieros anos. Doutra banda é importante expoñer ademais o traballo feito polos veciños que implicados pola permanencia no tempo desta costume, van derrochando imaxinación edición tras edición.

Aínda que hai máis de oitenta fotos expostas realizadas na última década, só é unha pequena mostra do que se puido ver. Imaxes deles en Piño, Bóveda, Sober, Ribasaltas, Rioseco, Santa Mariña, Distriz ou os que habitualmente se colocan en distintos puntos da vila de Monforte, forman parte desta exposición.
Outras moitas parroquias seguen a manter esta costume en maior ou menor medida no sur lugués.

Ligazón á Galería de Imaxes